O 7 de setembro a prisión de Monterroso recibiu a visita de Xosé Ramón Pousa que no marco da Aula Aberta, nos presentou os "Mil anos de camiño a Santiago". Xosé Ramón, escritor e xornalista, fixo un percorrido histórico do camiño captando con maestría toda a nosaatención. Coma se estiveramos vendo unha película, durante hora e media presentounos a incrible historia que agocha o camiño no que desvelou segredos e curiosidades descoñecidos pola gran maioría.
O gusto polo saber e a experimentación do pracer de asombrarse é unha constante que perseguimos cada vez que organizamos unha Aula Aberta. Detrás de cada Aula procuramos un chisco de alento e de motivación, espertar un interese, potenciar unha curiosidade que permitan non só momentos de desconexión en prisión, senón tamén dar un paso máis cara o inicio dunha etapa escolar ou laboral
No mes de outubro adentrámonos no patrimonio cultural de Monterroso, da man de MªJosé Gómez Alvite. Falounos de como xurde a idea de abrir o Museo das Feiras en Monterroso, que será inaugurado moi proximamamente. Unha segunda parte da Aula está centrada en contarnos como este proxecto de musealización acaba sendo un reto persoal nun momento vital delicado. Foi un relato moi completo, por unha banda supuxo un achegamento da cultura do lugar no que está ubicada a prisión (como dato, a Feira de Santos de Monterroso conta con 800 anos de existencia) e por outra banda serviunos para conectar con experiencias de loita persoal e resiliencia, que adoitan ter moi boa acollida neste contexto.
Como sabedes, esta actividade está enmarcada na Liña de Motivación ó Estudo e Reforzo da Escolaridade, coordinado por Aliad Ultreia, Grupo SEPA-Interrea (USC) e Grupo ECIGAL (UDC) coa financiación da Obra Social La Caixa.
Comments